inicio música teatro contacto web do cable inglés español  english
Mambo
Uxía
Uxía
Uxía

Mambo

MAMBO é unha orixinal proposta teatral, un quebracabezas en construción, un xogo para tempos de crise que precisa so dezaseis palabras, catro actores, un caixón, unha alfombra e unha coroa. Con esta síntese de elementos técese unha divertida trama parodiando grandes asuntos tratados na literatura dramática universal: a ambición, o desexo, a loita polo poder, a manipulación, o amor, a autoafirmación como persoa... O CABLE INGLÉS presenta esta singular produción que sorprendeu aos críticos e cautivou ao público na súa estrea en Vigo a comezos de ano.

MAMBO conta a historia de Manolo e Ramón, dous amigos que, fartos dunha insulsa vida no seu país, Galakistán, fuxen cara unha Inglandia idealizada, onde esperan atopar unha vida mellor. Os seus parecidos co rei de Inglandia (Floid) e o seu intrigante irmán bastardo (Larry), enredaranos nun conflito dinástico pola loita do poder. A cortesá Paca, namorada de Larry e desexada por Floid, rebelarase contra a utilización que os irmáns fan dela como muller obxecto.

A partir de aí, desenvólvese unha historia firmada por Juan Antonio Castillo, bastante shakesperiana no seu argumento e moi sinxela no seu formato escénico (a cargo de Iván R.) que ten a vantaxe de empregar un código lingüístico único, entendible en case todo o planeta. Quedou demostrado na estrea en Vigo o pasado febreiro, onde a meirande parte das case 500 persoas que acudiron a vela abandonaban a sala falando en ‘lingua mambo’. Con palabras como amore, mambo, power, peseta, stop, whiski ou revolution os catro actores de MAMBO conseguen contaxiar a un público que comeza a función desconcertado e rematáa abducido.

Algúns chámanlle “neo comedia da arte”, outros descríbena como unha mestura de clown, comedia da arte, realismo e surrealismo... sen chegar a ser ningún deles. O que MAMBO é ou non é aínda está por dicir. De momento, Xoán Abreu (actor e director do espectáculo), Machi Salgado (actor), Fran Peleteiro (actor) e Antela Cid (actriz), conseguiron arrincar gargalladas a eito e contaxiar ao público da súa particular linguaxe. Vigo quedou conquistado. Agora comeza a conquista de Galakistán e se se poñen poden chegar ata Inglandia.

Apdo. Correos 21  |  36200 Vigo  |  Pontevedra, España
Tel. (+34) 986071891  |  Mov. (+34) 695881074  |  info@ocableingles.com