inicio música teatro contacto web do cable inglés español  english
Uxía
Uxía
Uxía
Uxía
Uxía
Uxía
Uxía


Uxía

Uxía, a voz do Atlántico. Uxía concibe escribindo palabras e músicas que saen sempre do máis profundo e íntimo do ser, da alma. Neste 2012 celebra máis de 25 anos de carreira artística que a converten nunha das voces máis populares e valoradas da nosa lingua. As súas cancións teñen sempre a presenza latente ou explícita da música tradicional, cun tratamento anovador e persoal.

Desde o seu debut con "Foliada de Marzo" en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro para as diferentes culturas, un xeito de comunicación entre pobos e xentes.

Integrante do grupo Na Lúa ata 1991, Uxía emprende un camiño en solitario que responde a unha natural evolución da súa traxectoria. Nese mesmo ano publica "Entre cidades", e catro anos despois, "Estou Vivindo no ceo", disco moi valorado pola crítica que afianza a súa proxección internacional.

En 1997 edita xunto ás cantantes Rasha (Sudán) e María Salgado (Castela) e o guitarrista Cuchús Pimentel "La sal de la vida", un disco marcado pola diversidade e polo cruce cultural.

Xa en 2000 publica "Danza das areas", traballo que representa un punto de inflexión no seu camiño con composicións propias e sons máis contemporáneos.

Sempre tivo a convicción de que un pobo que cantou desde tempos inmemoriais non pode perder un instrumento tan fundamental como a propia voz. Por esa razón, promoveu a creación de grupos de cantareiras como Malvela ou Cantadeiras do Berbés e participou en numerosas experiencias musicais con artistas da talla de Tito Paris, Jessie Norman, Dulce Pontes, Noa, João Afonso ou Chico César, entre outr@s.

Salienta tamén o seu labor como productora musical en discos como "Vida Miña" e "Interior" de Emilio Rúa, "Na Flor dos meus anos" de Señora Carmen e Malvela, publicados por Malvela, e "A nena e o grilo" de Magín Blanco para a Editorial OQO.

Uxía recolle nas súas composicións a esencia de todas esas experiencias que a teñen levado a un contacto permanente con músic@s de culturas afíns. Todo xorde e flúe como unha consecuencia natural da relación permanente con artistas destas latitudes e da escoita atenta e continuada das súas músicas ou as músicas tradicionais que as inspiraron.

A súa paixón pola mestizaxe consegue unir e reunir voces, instrumentos, ritmos, sons... é un imán para o talento, e así o demostra como directora artística na creación do Festival Internacional da Lusofonía "Cantos na Maré", un espectáculo concibido como punto de encontro de artistas da área lusófona no que o escenario se transforma nunha festa multicultural coas mellores voces de Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guinéa Bissau, etc.

Co disco, "Eterno Navegar", percorre camiños de sonoridades atlánticas e ritmos africanos que se mesturan coa súa melodiosa voz e o seu estilo intimista. Co seu moi recente "Meu Canto", Uxía sigue o ronsel dunha cultura que viaxa e muda o significado e a natureza das fronteiras. Nesta ocasión a súa travesía lévanos a Brasil, onde foi gravado este traballo, nos estudios da editora Biscoito Fino, en Rio de Janeiro.

A escolla non foi casual. Uxía quixo abordar este novo reto coa produción do prestixioso músico Jaime Alem (produtor de Maria Bethânia), o talento e a complicidade do virtuoso instrumentista Sérgio Tannus, e tamén a intervención conxunta no tema "Os Teus Ollos" de Lenine, toda unha garantía para palabras e músicas que saen sempre do máis profundo e íntimo do seu ser, da súa alma.

Apdo. Correos 21  |  36200 Vigo  |  Pontevedra, España
Tel. (+34) 986071891  |  Mov. (+34) 695881074  |  info@ocableingles.com