Reportaxes

Durante máis de medio século, Vigo erixiuse na porta de entrada e saída das telecomunicacións da Europa continental co resto do mundo. Foi unha das etapas máis gloriosas da cidade.

O mundo, vía Vigo

Por José Ramón Cabanelas
Fotos ARQUIVO J.R.C.

Calendario comercial de 1883 co que o Cable Inglés se anunciaba ao público en Madrid.

Un dos primeiros obxectivos da Eastern Telegraph Company Ltd.,que á altura do ano 1872 xa era unha das empresas máis grandes do mundo, foi o reforzar a liña Inglaterra-Lisboa-Xibraltar, para o que, en 1873, procedeu a tender dous novos cables telegráficos submarinos desde Porthcurno a Vigo, e desde Vigo a Carcavelos. Deste xeito, a cidade galega, por causa, entre outras razóns, da seguridade que ofrecía o seu porto para o amarre do cable, resultou a escollida para a creación dunha nova estación internacional de telegrafía submarina, converténdose así na cidade española mellor comunicada co resto do mundo.Co paso dos anos, ata 5 cables internacionais de telegrafía submarina chegaron a un Vigo que, durante practicamente medio século, exerceu de porta de entrada das telecomunicacións en España: "Vía Vigo" dicían os telegramas nacionais para facer referencia á procedencia da súa información.

O Cable Inglés, nome co que foi coñecida desde un comezo a Eastern Telegraph Company Ltd. en España, instalou a súa primeira oficina no número 20 da entón céntrica e populosa rúa Real. Os trámites portuarios dos buques cableiros Minia e África encargados de tender os cables submarinos internacionais no ano 1873, foron atendidos por Estanislao Durán Civeiro, fundador da prestixiosa empresa de Vigo Consignatarios Durán.

O primeiro director xeral que a Eastern Telegraph Company, Ltd. tivo en España foi Charles J. Murphy, quen chegou representando á maior empresa de telegrafía do mundo. Cando o mozo inglés se instalou en Vigo atopou unha cidade en pleno desenvolvemento cunha poboación aproximada de 13.000 habitantes e un fermoso porto frecuentado, entre outros buques de pasaxe e buques correo, pola escuadra de guerra inglesa. En Vigo nacería o seu fillo Cecil no ano 1875 e, posteriormente, Isabel, Hilda e Daisy Murphy. No ano 1881 Mr. Murphy é trasladado a Caminha substituíndolle no cargo John R. Rosse, quen exercería de director xeral da compañía por un período de 28 anos e, ao igual que o seu antecesor, chegaría a converterse nunha persoa moi recoñecida e querida por parte de toda a sociedade viguesa. O persoal inglés que a empresa desprazara a Vigo chegou a ser co paso dos anos moi numeroso, xa que pola oficina de Vigo, ademais da correspondencia nacional, pasaba todo o tráfico telegráfico internacional procedente da súa extensión oriental, ademais do que chegaba do telégrafo submarino de Brasil, cuxo destino final era Porthcurno en Inglaterra.

O buque "Minia", encargado de tender o cable submarino entre Vigo e Porthcurno en 1873.

No ano 1896, Alemaña, outra das potencias mundiais, decatouse de que non podía quedar atrás na pugna pola supremacía mundial das telecomunicacións que estaba en mans británicas (sobre todo a raíz de que os Estados Unidos de América se convertesen no país máis industrializado do mundo). As súas numerosas empresas de tecnoloxía punta demandaban por estes anos unha eficiente comunicación cos americanos, de aí que se fundase en Colonia a Deutsche See-Telegraphengesellschaft (D.S.T.G.) dando lugar posteriormente á Deutsch Atlantische Telegraphengesellschaft (D.A.T.).Como o monopolio da vía atlántica recaía no Goberno Británico, os alemáns tiveron que chegar a un acordo cos ingleses para poder tender o seu cable submarino, para o que negociaron coa Eastern Telegraph Company, Ltd.o tendido dun cable de Emden a Vigo que enlazase despois con Vigo-Lisboa-Azores-New York. Deste xeito, en novembro do ano 1896 inaugurábase en Vigo a oficina do "Cable Alemán", nome co que a sociedade viguesa coñecería a esta nova empresa de telegrafía submarina.


Matrimonio do oficial do Cable Inglés Cecil A. Powell e a viguesa Emilia Pérez.

O primeiro director que o Cable Alemán tivo en Vigo foi Ubbo Emmius Bakker, quen non chegaría a Galicia ata o ano 1905, pois nos seus primeiros anos este cable foi xestionado integramente polo persoal do Cable Inglés. Algúns oficiais do Cable Alemán quedaríanse a vivir entre nós para sempre, perdurando aínda hoxe entre a sociedade viguesa os seus descendentes, tal é o caso das familias Steinbrüggen e Künne, entre outras.

Anteriormente á chegada da telegrafía submarina, no ano 1858 e cunha poboación aproximada de 10.000 habitantes,Vigo contaba cun porto estratéxico visitado constantemente por buques doutras nacionalidades e, sendo residencia do corpo consular, fora unha das poboacións escollidas polo Estado para a instalación dunha oficina de Telégrafos. O ano anterior termináranse de colocar todos os postes y illadores que, distribuídos cada 50 metros, levaban o telégrafo ata o número18 da rúa Real onde se emprazarían as súas oficinas.

A posta en funcionamento deste novo servizo público levaríase a cabo unha vez rematada toda a rede de telegrafía galega coincidindo Tui, Pontevedra, Ourense, Lugo, A Coruña, Ferrol e Betanzos na inauguración das súas oficinas no mes de xullo do ano 1858. A partir deste momento a comunicación entre Galicia e Madrid pasaba a ser de tan so 2 minutos (tempo que tardaba en enviarse un telegrama) e as novas internacionais, que chegaban despois de meses de terse producido (como a cruenta guerra de Crimea), facíano agora con tan so uns días de retraso.Toda esta revolución non so fixo mellorar a comunicación interpersoal senón que, sobre todo, viu como melloraban as relacións comerciais, facendo con elo prosperar os negocios. As pequenas, medianas e grandes empresas das cidades encontraron no telégrafo o medio de comunicación que necesitaban para a oferta ou demanda dos seus produtos. Por outro lado, prodúcese tamén o desenvolvemento da prensa escrita ao xurdir as primeiras axencias periodísticas: as novas deixan de ser so ideolóxicas ensanchándose con elo o coñecemento, a cultura e a política entre todos os cidadáns.


Sociedade e deportes

Concurso atlético organizado polo Real Vigo Sporting que reuniu a deportistas ingleses, alemáns e vigueses (Gimástica e Vigo F.C., 1913).

O Vigo de finais do século XIX veríase enriquecido cos costumes británicos propios da esplendorosa "era victoriana". Nos salóns do Cable Inglés celebrábanse ceas, concertos de música clásica e actos benéficos cos que se recadaban cartos para los colexios de orfos. Por Nadal era famosa a súa magnífica cena baile do 31 de decembro, á que asistían as familias mellor acomodadas da sociedade viguesa, saíndo anunciada en primeira páxina dos xornais locais. En "La Finca", nome co que se coñecía a súa residencia da rúa Taboada Leal, organizábanse magníficos torneos de lawn tennis en dúas fermosas pistas. E nos seus coidados xardíns era costume servir un té ás 5 en punto, segundo arraigado costume británico. De toda esta vida en sociedade nacerían moitas relacións entre ingleses e galegas, como a que rematou en voda o 25 de abril do ano 1895 unindo ao que chegaría a ser director do Cable na nosa cidade, Herbert Ansell Owen, coa viguesa Elvira Molíns. Ou a que uniu ao tamén oficial británico Cecil Powell con Emilia Pérez, sen esquecernos da celebrada polo oficial do Cable Alemán Franc Steinbrüggen con Hela Klinhart, á que coñeceu tamén na nosa cidade, e cuxos descendentes son hoxendía distinguidos vigueses.


Participantes nun torneo de Lawn Tennis (1913).

O reloxo do Cable Inglés situado na fachada do baixo que a compañía ocupaba na rúa Velázquez Moreno número 22, chegou a marcar a hora para toda a cidade. A súa precisión electromecánica sincronizada ao segundo co meridiano en Greenwich, facía que mesmo os tranvías cando pasaban pola rúa Policarpo Sanz á altura de Velázquez Moreno fixesen chifrar os seus freos para que,mirando cara arriba o seu condutor, puxese o reloxo en hora. O reloxo do Cable tiña necesariamente que estar sincronizado con todas as estacións que a compañía tiña no mundo, xa que o retraso ao enviar ou recibir un cablegrama ocasionáballe cuantiosas perdas; por este motivo, cada 60 minutos recibíase por cable a hora exacta do citado meridiano, para que os seus reloxos estivesen sincronizados. Esta precisión motivou que non resultase estraño que cando un vigués paseaba por diante da fachada das oficinas do Cable Inglés, aproveitase para poñer o seu propio reloxo en hora,sendo popular a frase entre todos os cidadáns de "Levo a hora do Cable".

Por outra parte, John Pender, fundador da Eastern Telegraph Company, Ltd.,quería que os seus mozos oficiais telegrafistas que ían traballar ao estranxeiro fosen o orgullo da compañía."Representan o mellor do Imperio Británico", dicía. Para o que a empresa contemplaba as súas necesidades en tempo de ocio, acollendo nas súas dependencias biblioteca, mesa de billar, tenis de mesa e pistas de tenis. Deportes como o football, rugby, tenis ou ping pong foron introducidos na nosa cidade polos oficiais do Cable Inglés no último terzo do S.XIX. Partidos moi disputados de football podían verse nos cadros do Recheo, hoxendía urbanizados en seis mazás de vivendas divididas pola actual rúa Luis Taboada, entre o equipo do Cable chamado "Exiles" e os equipos locais do Vigo ou do Fortuna F.C. Tamén na nosa ría se comezaron a celebrar numerosas competicións de regatas, campionatos de atletismo, con carreiras de fondo, velocidade, salto de altura...nas que, ademais de participar os equipos locais de La Gimnástica ou de Vigo, facíano tamén os equipos do Cable Inglés e do Cable Alemán, entre os que había unha grande rivalidade.


Edificio Casa Bárcena, que en 1905 acollía ao Gobierno Militar así como as oficinas do Cable Inglés e o Cable Alemán.

As guerras

Os cables telegráficos internacionais que chegaban a Vigo tiveron dous importantes interrupcións. A primeira no ano 1914 durante la I Guerra Mundial: cortouse o cable submarino alemán á altura do Canal da Mancha e o inglés quedou infrautilizado. A reanudación da súa actividade produciríase tralo armisticio de 1919 en que se volveu poñer a pleno funcionamento o Cable Inglés.

Pero para la reapertura da liña Vigo-Emden e con elo as oficinas del Cable Alemán en Vigo, houbo que esperar ata 1929. A segunda gran interrupción produciríase no ano 1939 co estoupido da II Guerra Mundial, permanecendo as oficinas do Cable Inglés e Cable Alemán pechadas durante case dez anos. En maio de 1939, reabríronse de novo as oficinas do Cable Inglés, esta vez no novo edificio de Correos e Telégrafos, ocupando as dependencias do segundo piso para acoller ao novo persoal británico. Non sucedería o mesmo co Cable Alemán, que volveu ser xestionado como nos seus inicios polo persoal inglés.


Empregados do Cable Inglés nas súas oficinas de Vigo (ano 1913)

A finais do ano 1969 o Cable Inglés pecha definitivamente as súas oficinas de Vigo por razóns principalmente loxísticas, ao aparecer outros cables submarinos (cable coaxial) máis modernos noutros lugares de España, así como la explosión do servizo Telex como novo medio de comunicación en detrimento da comunicación vía cable telegráfico submarino. Non obstante, Vigo seguiría vinculada ao mundo das telecomunicacións grazas ao acordo

A.C.M.A. (Acordo Atlántico de Mantemento de Cables Submarinos) que a convertían desde o ano 1970 nunha das tres bases europeas que acollían nos seus portos buques cableiros e almacén de cables submarinos, actividade que se mantería ata o ano 2002 e da que aínda se poden apreciar os depósitos do cable no peirao de trasatlánticos.

Voltar

AS RESIDENCIAS DOS TELEGRAFISTAS

En 1910 a Deutsch Atlantische Telegraphengesellschaft construía na rúa Pi y Margall a residencia para os seus empregados solteiros dotándoa de todo luxo de comodidades, incluída unha pista de tenis. Pola súa parte a Eastern Telegraph Company, Ltd. facía o propio en 1915 estando esta situada moi cerca do Castro. Tiña a súa entrada pola actual rúa Taboada Leal. Paradoxos do destino, anos máis tarde cando ambas residencias son vendidas polos seus propietarios, a primeira converteríase no famoso Colexio Alemán, mentres que a segunda acollería ao prestixioso colexio Las Acacias.



Ponte en contacto con nós no (+34) 986 071 891 ou 650 579 208
Escríbenos a info@ocableingles.com

colaboran:

O Cable InglésArquivo CabanelasGrismedio Studio