Roteiro pola cidade
do Cable Inglés

Desafortunadamente, poucas pegadas se conservan xa da presenza do Cable Inglés en Vigo. Neste mapa atoparedes un percorrido polos lugares onde viviron ou traballaron. Algúns deles aínda existen, outros hai que imaxinalos. O que non van desaparecer son as súas achegas ao noso patrimonio inmaterial: cervexa, fútbol, tenis...



ALCABRE

Restos do punto de conexión do Cable Inglés

Durante a baixamar aínda é posible ver na praia de Alcabre un dos cables telegráficos submarinos que unían a Vigo co resto do mundo. Ao baixar, fixádevos ben nunha casa situada por enriba da praia, está reformada pero aínda conserva na súa fachada as iniciais das compañías de cable inglesa e alemá, ETC (Eastern Telegraph Company) e DAT (Deutsch Atlantische Telegraphengesellschaft) que a empregaban como caseta de recepción do sinal telegráfico.



PRAZA DE COMPOSTELA

A última sede do cable Inglés

En maio de 1939, reabríronse de novo as oficinas do Cable Inglés, esta vez no novo edificio de Correos e Telégrafos, ocupando as dependencias do segundo piso para acoller ao novo persoal británico. A finais do ano 1969 o Cable Inglés pecha definitivamente as súas oficinas de Vigo por razóns principalmente loxísticas, ao aparecer outros cables submarinos (cable coaxial) máis modernos noutros lugares de España, así como a explosión do servizo Telex como novo medio de comunicación en detrimento da comunicación vía cable telegráfico submarino.



Rúa taboada leal

Residencia do Cable Inglés

Residencia dos telegrafista da Eastern Telegraph Company, Ltd. construida en 1915 moi cerca do Castro. Tiña a súa entrada pola actual rúa Taboada Leal. Nos seus salóns celebrábanse ceas, concertos de música clásica e actos benéficos cos que se recadaban cartos para los colexios de orfos. Por Nadal era famosa a súa magnífica cena baile do 31 de decembro, á que asistían as familias mellor acomodadas da sociedade viguesa, e que saía anunciada na primeira páxina dos xornais locais. En “La Finca”, nome co que se coñecía a súa residencia da rúa Taboada Leal, organizábanse magníficos torneos de lawn tennis en dúas fermosas pistas. E nos seus coidados xardíns era costume servir un té ás 5 en punto, segundo arraigado costume británico.



Rúa VELÁZQUEZ MORENO

A sede máis emblemática do Cable inglés

Na Casa Bárcena, na rúa Velázquez Moreno número 22, situouse a segunda e máis popular sede do Cable Inglés. O reloxo situado na súa fachada chegou a marcar a hora para toda a cidade. O reloxo do Cable tiña necesariamente que estar sincronizado con todas as estacións que a compañía tiña no mundo, xa que o retraso ao enviar ou recibir un cablegrama ocasionáballe cuantiosas perdas; por este motivo, cada 60 minutos recibíase por cable a hora exacta do meridiano de Greenwich. Esta precisión motivou que os vigueses puxeran os seus reloxos en hora cando pasaban por diante das oficinas do Cable,sendo popular na cidade a frase “Levo a hora do Cable”.



Ponte en contacto con nós no (+34) 986 071 891 ou 650 579 208
Escríbenos a info@ocableingles.com

colaboran:

O Cable InglésArquivo CabanelasGrismedio Studio