Se non podes ver correctamente este mailing fai click aquí
O MAR TAMÉN TEN MULLERES
O MAR TAMÉN TEN MULLERES é un proxecto que pon en marcha o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda co obxectivo de recoller fotografías e relatos das traballadoras que dedicaron a súa vida ao mar nos concellos de Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda.

Mariscadoras, redeiras, traballadoras da salga e da conserva, investigadoras… serán as protagonistas dunha exposición que pretende recuperar os saberes de mulleres anónimas para poñer en valor o seu traballo, rendirlles homenaxe e rescatar capítulos preciosos da nosa memoria histórica.

Trátase dun proxecto participativo no que recolleremos as imaxes e narracións orais de todas as mulleres que queiran formar parte deste proxecto. Co material recollido, deseñarase unha mostra itinerante para visibilizar o labor, moitas veces esquecido, de tantas traballadoras que repartiron as súas vidas entre o mar e o coidado das súas familias.
Se queres participar, podes enviarnos as túas fotografías ao correo electrónico fotosmulleresgalp7@gmail.com, xunto cos teus datos de contacto, antes do domingo 2 de xuño.

Descargar cartel
O MAR TAMÉN TEN MULLERES.
Axúdanos a contar toda a historia.
O GALP Ría de Vigo-A Guarda é unha entidade colaboradora da Consellería do Mar, responsable de aplicar a estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) no seu territorio, que se estende por un total de once concellos que definen os límites terrestres das rías de Vigo e de Baiona: Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda. Este GALP encárgase de xestionar e controlar as axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para o desenvolvemento desta estratexia no período 2014-2020. Os seus obxectivos son o fomento do crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e á mobilidade laboral nas comunidades pesqueiras e acuícolas, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca. Este proxecto inclúese dentro do Obxectivo 4 da estratexia, encamiñado a fomentar o benestar social e a posta en valor do patrimonio cultural das zonas pesqueiras como elemento para reforzar a identidade territorial, acadando maiores cotas de igualdade de oportunidades desde a perspectiva de xénero.
GALP Ría de Vigo - A Guarda

    Sigue todas as novidades na nosa canle de Facebook
Institucións de apoio