inicio música teatro contacto web do cable inglés español  english
Andando a terra. Uxía canta a Manuel María
Uxía
Uxía
Uxía

O espectáculo

“Andando a Terra” é un traballo musical sobre poemas de Manuel María realizado por Uxía e Sérgio Tannus. A idea orixinal do disco partiu da FUNDACIÓN MANUEL MARÍA DE ESTUDOS GALEGOS, e forma parte dun pack editorial no que tamén se inclúen o poemario inédito “Os lonxes do solpor” e o audioviusal “De amor e cantería”.

Agora, trala emotiva estrea-presentación do disco no Teatro Colón da Coruña o pasado 13 de setembro, a Fundación Manuel María, autora da idea, e O CABLE INGLÉS Cooperativa Cultural, responsable do management de Uxía, decidiron darlle continuidade a este proxecto a través dun espectáculo que baixo o nome “Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María” percorrerá os escenarios cun formato que se divide en tres etapas:
    _Presentación do espectáculo a cargo dunha persoa significada da vila.
    _Proxección do audiovisual “De amor e cantería”.
    _Concerto de Uxía interpretando o repertorio de “Andando a Terra”.



O documental
A idea do audiovisual De amor e cantería nace dentro das accións que leva acabo a Fundación Manuel María de Estudos Galegos para dar a coñecer o proxecto de Casa Museo do escritor, hoxe xa moi avanzado. Esta Casa Museo abrirase na que foi a casa natal do escritor e á que o poeta lle dedicou o libro de poemas Sonetos á casa de Horta. Foi precisamente esta obra a base do guión do DVD sendo, desta maneira, o propio poeta o que serviu de guía cos seus versos a través do mundo dos sentimentos, sensacións, paixóns, medos... recordos, vivencias dese mundo de infancia e xuventude que o acompañarán toda a vida.

Os 50 sonetos de que consta o libro non cabían nun audiovisual de 14 minutos de duración e, por iso, só se incorporan tres sonetos completos, integrándose o resto do guión das estrofas ou mesmo versos soltos que se consideraron máis indicativos ou significativos, sen ningún ánimo de exhaustividade. O que si van estar presentes nas imaxes son moitos dos elementos que o poeta cita ao longo dos 50 sonetos, e entre eles cobra unha especial importancia a arquitectura da propia casa, as cousas e tamén as persoas que compartiron ese espazo.

Isto non quer dicir que esteamos diante dun audiovisual descritivo. Todo o contrario. A idea foi facer unha lectura audiovisual dos espazos interiores do poeta a través dos espazos exteriores, e das persoas que os habitaban.

FICHA TÉCNICA:
GUIÓN: Anxa G. Refoxo
PRODUCIÓN: Mikel Fuentes e Sara Horta
VOCES EN OFF: Xoán Diéguez e Comba Campoy
REALIZACIÓN E MONTAXE: Mikel Fuentes
IMAXES DE ARQUIVO: Xulio Xiz, Camilo Gómez Torres e Saleta Goy
UNHA PRODUCIÓN DE PIXEL FILMS



O disco
En palabras da propia Uxía, os temas do repertorio que se percorre neste espectáculo é “o gozo sinxelo dun canto ao noso labrego-poeta. Un home que andou esta terra, este país, parroquia por parroquia, lugar por lugar, face a face. Seguindo o seu exemplo, quixen arroupar a súa poesía na proximidade e coa delicadeza das melodías que fun atopando nos camiños, coa luz, a beleza, a paixón e 'o latexar sincero da emoción' que emana dos seus poemas e Amando cada palabra, cada verso e cada nota para poñer en valor o seu valiosísimo, o seu precioso e prezado legado.

Ademais da metafísica, o amor, a nenez, a casa que quixo tanto e que agora será a Casa dos soños liberados de cadeas, o seu humor, o seu amor á vida, á lingua e a esta terra que andou sen descanso. Tamén me permitín adaptacións de temas tan emblemáticos como 'O Carro', cantada por Fuxan os Ventos ou o 'Manual do Señorito' na voz da miña querida María Manuela.

A poesía de Manuel María flúe coma un río. El é o gardador das albas e da íntima esperanza que nos fai crer aínda no ser humano. Crer a quen leve a música dentro de sí, a quen nunca sentirá medrar, no seu interior, a moura flor da soidade. Agora sabemos que a súa poesía, coma el mesmo di das fontes romanas, escribiuna para espantar soidades, melancolías e nostalxias e tamén para ser recitada, cantada e devolta ao pobo que lla inspirou.

Manuel María é o gozo de vivir,  e eu fixen un pacto con el para completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños ata ser pó, seixo ou silveira. 

Grazas, poeta, pola inspiración e a alegría que aínda nos entregas en cada verso. Galiza e o pobo galego estaremos eternamente en débeda contigo. 

Apdo. Correos 21  |  36200 Vigo  |  Pontevedra, España
Tel. (+34) 986071891  |  Mov. (+34) 695881074  |  info@ocableingles.com