Museo A Ceo Aberto

O CABLE INGLÉS creou e dirixiu en 2021 esta serie documental de 7 capítulos arredor da arte urbana en Galicia, onde nos últimos anos foron xurdindo artistas, iniciativas e eventos que conseguiron xerar auténticas transformacións na paisaxe -moitas veces degradada- das nosas vilas, barrios e cidades.

Hoxe o noso país conta con numerosas mostras de paisaxes urbanas rexeneradas da man de grandes artistas recoñecidos internacionalmente, que conseguen paliar o  feísmo, atraer o turismo e ofrecer á cidadanía museos ao aire libre, abertos as 24 horas do día e de acceso totalmente gratuíto.

Os muros e medianeras que outrora deixaban ver as fallas dun urbanismo mal cosido, son agora experiencias transformadoras que dan boa conta do talento  e capacidade creativa do noso territorio, con propostas asinadas por grandes artistas recoñecidos internacionalmente, pero tamén descubrindo e promovendo o talento de artistas de aquí e abrazando outras artes como a poesía, que deixa nos muros versos case sempre na nosa lingua que serven tamén para normalizar o idioma na rúa e entre a poboación máis nova.

Esta serie documental estruturada en sete capítulos dunha duración aproximada de 20’, mapea os principais polos de creación da arte urbana galega a través de conversas con artistas, comisariados e colectivos que promoven eventos referenciais en Galicia; establecendo unha necesaria conversa arredor dos distintos tipos de manifestacións artísticas urbanas (grafiti, mural, stencil, paste-up…), e reflexionando sobre o seu valor patrimonial, urbanístico, social e artístico.

Podes ver cada un dos capítulos do documental nos seguintes enlaces:

Capítulo 1 ▶️ DesOrdes Creativas (Ordes)
Capítulo 2 ▶️ Meninas de Canido (Ferrol)
Capítulo 3 ▶️ Rexenera Fest (Carballo)
Capítulo 4 ▶️ Vigo, cidade de cultura urbana
Capítulo 5 ▶️ Cromático Mural Fest (Cambre)
Capítulo 6 ▶️ Delas Fest (comarca de Compostela)
Capítulo 7 ▶️ Urban Cores & Culturban (Lugo)

Servizos

Contidos audiovisuais
Creación de contidos audiovisuais
Produción audiovisual

Cliente

O Cable Inglés

Web e redes sociais