Creatividade cooperativa
QUEN SOMOS
O Cable Inglés nace coa idea de dar resposta ás demandas culturais dun xeito integral. O noso obxectivo é propoñer solucións a medida, capaces de integrar cantos servizos sexan precisos para levar a bo termo cada experiencia cultural.
Rescatamos o noso nome dun dos episodios máis descoñecidos da Historia de Galicia, porén tamén un dos máis frutíferos dende o punto de vista cultural, social, deportivo e económico. O tal suceso comezou en 1873, cando a ETC Eastern Telegraph Company se instalou na cidade de Vigo para tender o primeiro cable telegráfico submarino que unía o continente europeo co resto do mundo. Durante máis dun século Vigo foi a porta de entrada a Europa de todos os grandes acontecementos internacionais. Nas faldas do monte do Castro instalouse unha comunidade británica que durante máis de cen anos transformou as dinámicas da cidade e fixo grandes achegas ao noso patrimonio inmaterial. Daquela dicíase que en Vigo ata as criadas falaban inglés, un dicir popular que viña a confirmar a grande importancia que esta comunidade tiña na cidade naquel momento. O Cable Inglés tamén trouxo o fútbol, o tenis, a cervexa e o viño do Porto, pero sobre todo trouxo cultura. Por debaixo do mar Galicia comunicábase co mundo.
En 2012 O Cable Inglés Cooperativa Cultural recupera esta parte da nosa memoria como metáfora para crear e comunicar cultura. Xuntando as experiencias de tres profesionais especializadas en xestión, produción, deseño e comunicación, O Cable Inglés ofrece servizos de xestión integral de proxectos culturais sostibles e implicados co territorio e cos seus habitantes.
A NOSA EQUIPA
Cristina Labandeira
Por cousas da vida estudei Administración de Empresas, aínda que quería facer historia da arte ou publicidade. Como a cabra tira ao monte e eu son unha aries de manual, rematei montando coas miñas socias O Cable Inglés, unha cooperativa que se dedica ao que sempre me gustou: a cultura e a comunicación. Iso si, antes din unhas cantas voltas…Tras traballar no ámbito da xestión en Vigo e da consultoría de empresas en Barcelona, decidín que non me chegaba á alma, así que deixeino todo e cursei un mestrado en dirección e xestión de institucións, empresas e plataformas culturais para poder dedicarme á cultura. Foi entón cando comecei a traballar en distintas empresas do ámbito da comunicación e a cultura, primeiro en Barcelona e, en canto tiven a oportunidade, cambiei de novo os calçots polos grelos. E aquí estou, tan contenta no Cable Inglés, onde podo gozar de traballar en proxectos tan diferentes como os Premios Economía Azul ou Fest Galicia e non aburrirme nunca. Tamén me ocupo da xestión da cooperativa, así que, ao final, o de estudar administración de empresas tampouco estivo tan mal.
Marián Fernández
Quixen ser xornalista desde que tiña 10 anos porque admiraba a Rosa María Calaf e a Cristina García Rodero. Son unha das cobaias da primeira promoción de Xornalismo da USC, un experimento no que coñecín as negras entrañas da profesión e no que perdín un pouquiño de ilusión. Mesmo así, acabei por someterme á ditadura informativa que implica traballar nos medios. Pasei polas redaccións de Atlántico Diario, Cadena Ser, Radio Galega e Antena 3 e traballei para Televisión de Galicia e Televisión Española desde produtoras externas. Durante a miña etapa audiovisual, encargueime da dirección e guionización de programas de televisión, series de ficción, documentais e curtametraxes; e combinei estas experiencias nos medios co traballo en gabinetes de prensa de distintas entidades e eventos. Pero nunca me sentín tan ben na miña pel profesional como cando me embarquei coas miñas socias na creación desta cooperativa, onde me encargo da creación e comunicación de proxectos cos que por fin me sinto identificada e comprometida, e onde medro cada día como xestora cultural e como persoa.
Pilar Vera
Estudei deseño gráfico en México, fixen estudos de historia do arte, deseño e gravado en Canadá, e fixen un Máster en Comunicación Audiovisual en Galicia. Iniciei na publicidade como directora de arte e colaborei en proxectos de axuda ao desenvolvemento do sector artesanal mexicano. Tras cruzar o Atlántico e aterrar en Galicia fun bolseira e máis tarde deseñadora web e multimedia na Coruña e Vigo. E traballei como freelance ata fundar no 2012 O Cable Inglés, xunto con Cristina e Marián, e comezar desde entón a miña andaina polo mundo da cultura cooperativa.
Agora xa de volta en México e traballando a distancia para Galicia -aínda que botando en falta a “emoción do directo”-, estou por comezar a tecer novas redes para o noso Cable.