Reportaxes
Este artigo aborda a importancia dos cables de telegrafía submarina que arribaron a Galicia xa desde o último terzo do século XIX, e como a través deles circulaba información secreta antes do estalido da II Guerra Mundial.
Tamén recolle as actividades dun dos oficiais británicos que traballou na oficina da Eastern Telegraph Company Ltd de Vigo (Cable Inglés), apoiando dunha forma secreta a causa inglesa.
Por José Ramón Cabanelas
Un ano antes de que estoupase a II Guerra Mundial en setembro do ano 1939, a oficina da Eastern Telegraph Company Ltd de Vigo -Cable Inglés- experimentaba un sospeitoso aumento do tráfico telegráfico submarino procedente de Alemaña. As mensaxes tras ser recibidas en primeira instancia na oficina do Cable Alemán, eran cursadas a continuación polos seus colegas ingleses, pois era a liña británica, tras obrigadas escalas, a que os facía chegar ata Xapón, o seu destino final.
Fronte ás oficinas do Cable Inglés, celebrábase no ano 1939 en Vigo un desfile militar celebrando a vitoria dos nacionais na Guerra Civil. (Arquivo Pacheco)
Os alemáns comunicábanse co exterior a través dun sistema de códigos cifrados co fin de que a información enviada a outros países fose estritamente confidencial. Para elo empregaban a "Enigma" ou a "Lorenzo", máquinas que convertían calquera mensaxe nun código secreto mediante un dispositivo electrónico ou electromecánico, emitindo grupos de cinco bits pseudoaleatorizados.
Como remitente figuraba o Ministro de Asuntos Exteriores do Reich alemán Her Von Ribbentrop, quen ademais era director dun servizo de intelixencia propio. O principal obxectivo desta crecente comunicación con Xapón obedecía a tender lazos xermano-nipóns que apoiasen a política expansionista europea planeada por Adolf Hitler. O acordo que se pretendía implantar circulaba baixo as augas, a través dos cables submarinos ingleses, que partindo de Vigo e facendo escala en máis de doce estacións, que a Eastern Telegraph Company Ltd tiña repartidas por todo o mundo, levaban a información cifrada a Tokio para ser entregada ao xeneral Hideki Tojo. A través das memorias inéditas que con todo luxo de detalle nos deixou escritas Alberto Carballo (telegrafista do Cable Inglés) sabemos como sucedía todo: "Cada día eran moitos os telegramas cursados en clave secreta que enviaba o Ministro de Estado alemán Von Ribbentrop aos seus colegas nipóns o príncipe Konoe e o xeneral Hideki Tojo. Desde Hamburgo eran recepcionados aquí en Vigo, e polas nosas vías do Cable Inglés eran retransmitidos por escalas sucesivas ata Xapón. Tales telegramas eran os que máis nos traían de cabeza, pois na súa maioría constaban de centos de palabras en grupos de cinco letras en linguaxe cifrada. Os sinais alemáns eran máis imprecisos e inseguros que os nosos, e tiñamos que coleccionar na súa totalidade tales mensaxes de Estado cifradas, o que equivalía a copialas dúas veces en cinta perforada e proceder á súa comprobación antes de transmitilas. Xa é sabido que nos grupos en clave o simple erro nunha letra pode cambiar o sentido da mensaxe ao ser descifrado, erro que podería ter unha transcendencia enorme naqueles telegramas que Ribbentrop enviaba a Xapón".
Aínda que Alemaña, na persoa de Von Ribbentrop, negociaría no ano 1939 o pacto Xermano-Soviético para repartirse Polonia, o convenio que pretendía alcanzar con Xapón implicaba tamén un pacto secreto (xermano-nipón) contra a URSS, traizón que tiña sido detectada polos servizos secretos soviéticos. Sen embargo, aínda así, a culminación das negociacións con Xapón alcanzaríase o 27 de setembro do ano 1940 trala famosa firma do pacto tripartito en Berlín, alianza que daría lugar ao coñecido Eixe "Roma-Berlín-Tokio".
A oficina do Cable Inglés en Vigo, con moitos dos seus empregados á fronte, a pleno funcionamento. Na parede pódese apreciar o mapa mundial co nome da empresa Eastern Telegraph Company Ltd. (Foto cedida por Fernando Merino)
A oficina do Cable Inglés pola que pasaba esta transcendental información estaba situada na rúa Velázquez Moreno de Vigo. Lindaba coa oficina do Cable Alemán, separadas unicamente por un tabique, no que se abriran dúas pequenas fiestras para intercambiarse despachos, en función de se debían ser cursados por un cable ou outro. Entre os seus numerosos empregados, ademais do propio Carballo, destacaba un mozo inglés coñecido como Mr. Mann. Procedente da estación que a Eastern Telegraph Company Ltd tiña en Aden, chegara á cidade galega no ano 1932, e as reticencias cara o repentino incremento da correspondencia alemá con destino a Xapón, eran xustificables tamén nun home que vivira con 16 anos –e sendo empregado xa do Cable Inglés- a conflagración da I Guerra Mundial.
Dous anos antes de que se acendese esta alarma pola recepción das sospeitosas mensaxes codificadas, o bando militar sublevado do xeneral Franco secuestrara a oficina do Cable Inglés como instrumento para manter a comunicación co exterior. A estación inglesa de Vigo convertíase na única vía que tiñan os nacionais para comunicarse co estranxeiro, pois as outras estacións cablegráficas internacionais de Bilbao, Barcelona e Málaga estaban controladas polo bando republicano. A Guerra Civil Española tiña separado a familias e amigos, e na procura de noticias do lado contrario, do que Galicia estaba separada por unha longa fronte de combate, había que pedilas a través de cablegramas enviados á Cruz Vermella en Suiza ou por intermedio dunha terceira persoa xa fose en Italia, Francia ou Inglaterra. Todas estas xestións humanitarias froito da preocupación por saber dos familiares e amigos traducíanse en centenares de angustiosos telegramas, dos que temos constancia grazas ás memorias que nos deixou Alberto Carballo: "Que traballo máis intenso o daqueles primeiros anos da Guerra Civil. A través das crónicas dos correspondentes, primeiro desde Burgos e despois desde Salamanca, íamos pulsando e divulgando a marcha da contenda cara ao exterior. A lexión foi ocupando moitos pobos estremeños culminando o día 15 de agosto de 1936 coa toma ao asalto de Badaxoz, onde tiveron que vencer unha forte resistencia. O tráfico telegráfico persoal tamén comezou a fluír de forma extraordinaria, xa que nós eramos a única vía de contacto co estranxeiro. Os nosos ordenanzas pasaban o día e a noite en constante peregrinación desde as nosas oficinas á de Telégrafos, levando e traendo montóns de telegramas. Sen embargo coa Guerra Civil o contacto comercial e industrial con outros países era case nulo, xa que nós permaneciamos na zona ocupada polo exército rebelde".
O oficial do Cable Inglés Roderick Price Mann (Mr. Mann) foi condecorado coa medalla da Orde do Imperio Británico ao rematar a II Guerra Mundial. (Arquivo Cabanelas).
Por outro lado a censura militar que dunha forma inexorable se exercía en España afectaba sobre todo a súbditos británicos e, en especial, aos oficiais do Cable Inglés. A pesar de que Gran Bretaña se declarara neutral e se mantivera á marxe do conflito armado español, o bando militar sublevado temía a máis que probable espionaxe que se levaba a cabo baixo as augas a través das liñas telegráficas submarinas. De tal forma o martes 26 de xaneiro do ano 1937 os militares dan a orde á Eastern Telegraph Company Ltd (Cable Inglés) e á Deutsch Atlantische Telegraphengesellschaft (Cable Alemán) que pechen ao público as fiestras que mantiñan abertas para a admisión de servizo cablegráfico internacional.
Así mesmo para os servizos de intelixencia británicos a oficina internacional de Vigo tiña unha gran importancia. En primeiro lugar por ser o primeiro punto onde recalaban os cablegramas procedentes de Alemaña, ademais da porta de entrada e saída das telecomunicacións de España con numerosos países, entre os que destacaban os americanos. En consecuencia ter colaboradores entre o persoal do Cable Inglés era algo prioritario para o Secret Intelligence Service (S.I.S.) máis coñecido como MI6.
O oficial do Cable Inglés Roderick Price Mann (Mr. Mann), un home nobre cunha sensibilidade fora do común, ademais das obrigas para coa súa empresa, volcaríase así mesmo co goberno do seu país como un destes axentes de información secreta. Durante os anos que durou a II Guerra Mundial (1939-45) foi dos poucos empregados ingleses que se quedou en Galicia, tendo ao seu cargo tamén a conservación e mantemento da fermosa residencia que a Eastern Telegraph Company Ltd tiña en Vigo (Vila Felisa), ademais de coidar do valioso material de telecomunicacións que aínda se conservaba. Unha enorme vivenda de estilo vitoriano na que Mr. Mann mantiña a súa limitada actividade laboral, pois os cables telegráficos submarinos foran cortados nada máis comezar a conflagración mundial, polo que a maior parte do seu tempo empregábao noutras actividades que nunca chegaremos a coñecer ao detalle polo secretismo que levaban implícitas. O que si sabemos é que aos colaboradores do MI6 se lles subministraban táboas específicas para cifrado de mensaxes e libros de instrucións, todo elo en colaboración co Foreign Office (Ministerio de Asuntos Exteriores do Goberno Británico).
Modelo de máquina Enigma empregada durante a II Guerra Mundial polos alemáns para cifrar e descodificar mensaxes. (Arquivo Cabanelas).
A Dirección Xeral de Seguridade Española representada polo corpo de policía enviou a Mr. Mann unha citación para que, textualmente, "sen escusa de ningún xénero se presentase ás doce da mañá no Goberno Civil de Pontevedra o día 13 de marzo de 1943, ao obxecto de informarlle dun asunto". Tal denuncia obedecía a unha reunión celebrada na residencia da Eastern Telegraph Company, Lt por parte do cónsul británico co fin de ofrecer un cóctel ás súas amizades, e que foi interpretada como unha reunión secreta por parte da policía.
Tamén o cónsul británico da cidade galega debía ser unha persoa cualificada, pois era un apoio máis para este Servizo de Intelixencia. Nestes anos previos ao estalido da II Guerra Mundial ocupaba este posto William Harold Oxley quen tiña unha gran relación cos oficiais do Cable Inglés, atribuíndoselle así mesmo unha destacada colaboración coa O.I.N. (Organización de Intelixencia Naval). No libro que o diplomático madrileño Ánxel Viñas dedica a revelacións inéditas da Guerra Civil, titulado La Conspiración del General Franco, conta como Harold Oxley enviou á embaixada de Madrid uns presuntos plans comunistas preparados por axentes soviéticos, para asaltar cuarteis e empezar a liquidación dos inimigos de clase, entre os que se daban por aludidos os británicos en España. Con esta trama pretendíase que o Goberno Británico temese ao trunfo republicano na Guerra Civil Española, e se decantase por apoiar aos militares sublevados. Harold Oxley, ademais, fora tenente naval durante a I Guerra Mundial, e tiña traballado para os servizos de intelixencia do seu país.
A ría galega fora tamén dos primeiros lugares de España onde se apostaron axentes da O.I.N. arredor do año 1915 en plena I Guerra Mundial. Así mesmo a importancia dos cables telegráficos submarinos quedara de manifesto durante esta Gran Guerra (1914-19) cando desde a oficina do Cable Inglés exerceron un grande apoio nas comunicacións internacionais, en contraposición cos alemáns, cuxo cable, nada máis empezar o conflito armado, quedou inutilizado. Era por estes anos cando Vigo compartía o honor xunto a Bilbao e Madrid de dispoñer dun representante do S.I.S. (Secret Intelligence Service) tamén denominado na Gran Guerra MI1c.
Un dos cinco cables telegráficos submarinos que chegaban a Vigo aínda se pode ver hoxe en día cando baixa a marea na praia de Alcabre. (Foto José Ramón Cabanelas).
De Mr. Mann o que sabemos con certeza é que foi un gran home, amante de Galicia. Casouse con Ana Valdés a quen coñeceu en Vigo, e viviu en Baiona hasta que faleceu o día 12 de decembro do ano 1985. Alberte Carballo, que o coñeceu ben pois foron compañeiros de traballo, deixábanos constancia nas súas memorias das súas actividades secretas: "Falar da idiosincrasia de Mr. Mann sería facer una disección difícil para unha novata pluma como a miña. Dominaba todos os aspectos da nosa querida Galicia a conciencia. Mochila ao lombo en todos os momentos libres que tiña, visitaba a nosa rexión ata os máis apartados lugares, o que lle permitiu coñecer a nosa terra como moi poucos galegos o teñen conseguido, e pronto a estampa humana de Mr. Mann resultou familiar por todas estas latitudes. Moitos aseguran que a prolongada estancia de Mr. Mann en Vigo, os seus constantes paseos ao longo e ancho da rexión, especialmente pola zona costeira, obedeceron a ser axente de información para o goberno inglés, de cuxo consulado chegou a ser viceconsul durante bastantes anos e 'acting consul' en varias ocasións. Durante os anos da II Guerra Mundial, suspendidas as actividades telegráficas, pero a cargo de Mr. Mann a conservación da residencia do Cable na rúa Taboada Leal, podía este visitar toda a zona da costa informando ao goberno inglés de calquera actividade dos barcos mercantes ou de guerra das potencias do Eixe, e ata chegou a afirmarse que foi mediación súa que o goberno tivese constancia ás poucas horas de producirse a entrada dun submarino alemán no porto de Camariñas. O certo é que ao finalizar a guerra se lle concedía por parte do rei Jorge VI a condecoración da Orde do Imperio Británico polo seu heroísmo en tempos de guerra."
Voltar