Reportaxes

O CABLE INGLÉS INFORMA

A gran flota do Zar atrapada na Ría

Vigo no epicentro da atención mundial

Artigo extraído do Blog Crónicas de outro Vigo, Unha sección de Blas Calzada

En Marzo de 1904, o novísimo monarca Alfonso XIII tivo un encontro en Vigo co kaiser alemán Wilhelm II, quen, impresionado pola nosa Ría, escribiu así nunha carta destinada ao seu curmán o Zar Nicolás II de todas as Rusias, a quen el chamaba "Dearest Nicky", traducible por "O meu máis querido Nicolasiño": "Vigo é unha grande baía con espazo para todas as flotas do mundo. As flotas británicas visítana cada mes, e Henry estivo alí o ano pasado coa nosa escuadra".

Pouco podían imaxinar o monarca español e o emperador alemán - moito menos o Zar receptor da carta - que tan so uns meses despois, en outubro do mesmo ano, a gran flota rusa do Báltico, que fixo a súa entrada o día 26 para aprovisionarse de carbón, veríase retida, refuxiada tras das Cíes, bloqueada precisamente nas nosas augas.

Así viviu Vigo un acontecemento que puido ser tráxico e que durante uns días centrou a atención mundial. Unhas xornadas que os vigueses viviron con enorme preocupación.

Ocorreu que ao atravesar o Canal da Mancha, un dos buques rusos tivera un incidente cun pesqueiro inglés, contra o que fixo fogo e afundiu. O Almirantado británico reaccionou de inmediato enviando cara Vigo unha escuadra con base en Xibraltar, que se apostou nas Cíes para evitar a saída da flota rusa.

Contan as crónicas que a tensión internacional chegou a ser enorme, porque se temía que non se puidera evitar un enfrontamento de imprevisibles consecuencias. Repetíano en morse os telégrafos de todo o mundo, con noticias proporcionadas desde Vigo polo Cable Inglés e o Cable Alemán, ambos radicados na cidade.

Ao longo de varias xornadas complicadas sucedéronse os contactos e xestións diplomáticas ao máis alto nivel, ata que a gravísima situación puido ao fin atopar solución nunha forte reparación rusa - sesenta e cinco mil libras da época - aceptada polo goberno de Londres.

O día 1 de novembro a flota do Zar puido abandonar a Ría; pero fíxoo en busca dun tráxico destino que parecía anunciado. Meses despois, en Port Arthur, ía sufrir unha grande derrota ante a armada xaponesa, co afundimento de case todos os seus barcos.

Entre aqueles buques atopábase o famoso Aurora, que anos máis tarde pasaría á posteridade por motivos de todos coñecidos, cando, fronte ao Palacio de Inverno de San Petersburgo, os seus canóns deron o sinal para o comezo da revolución rusa de 1917. Foi un dos poucos barcos que se salvaron en Port Arthur. Pero antes de converterse en símbolo revolucionario, convertido en buque escola aínda visitaría Vigo en dúas ocasións, en 1911 e 1912.

Voltar

 



Ponte en contacto con nós no (+34) 986 071 891 ou 650 579 208
Escríbenos a info@ocableingles.com

colaboran:

O Cable InglésArquivo CabanelasGrismedio Studio