Reportaxes
Artigo publicado en LA VOZ DE GALICIA o 23/3/2011
O Cable Inglés mantivo en Vigo a máis dun centenar de traballadores ata os anos vinte do século XX, cando se introduciu o sistema automático de comunicacións. Esta presenza permitiu que os vigueses coñeceran o fútbol, un deporte cuxas regras comezaron a fixarse en 1870, e que unha década despois comezou a súa expansión alá por onde había un inglés.
A primeira referencia atopada dun partido en Vigo remóntase a febreiro de 1903 cando disputan un partido os empregados do Cable Inglés e a tripulación do barco británico Calliope. Foi esta unha constante futura, que fai supoñer que xa moito antes se tiñan disputado encontros na cidade. Esta empresa británica tivo que pechar cando comezou a Segunda Guerra Mundial, pero reabriu ao rematar a contenda.
Ao mesmo tempo que o Cable Inglés introducía melloras no seu servizo, en marzo de 1879, o xefe da estación telegráfica de Vigo, D.A. García, traducía un importante libro científico. Tratábase de El sol, do pai Secchi, unha recompilación de cantos descubrimentos se realizaran ata o momento sobre a constitución do astro rei.
Exiles F.C. O equipo de fútbol do Cable.
Foto do equipo Exiles de fútbol, gañadores da Copa Pontevedra, nunha páxina interior de "The Zodiac", publicación interna da Eastern Telegraph Company que se distribuía ao redor do globo.
Concurso atlético organizado polo Real Vigo Sporting que reuniu a deportistas ingleses, alemáns e vigueses (Gimástica e Vigo F.C., 1913).