Queres tirar do cable?
Tira do Cable é un proceso aberto que pretende xuntar as historias, anécdotas, experiencias, documentos, fotografías, filmacións ou calquera outra testemuña da presenza do Cable Inglés en Vigo e en Galicia.
Coñezámonos mellor coma pobo reconstruíndo entre todos un dos episodios máis descoñecidos e memorables da nosa historia recente.
Cando penso n'O Cable Inglés imaxino decote unha arteria submarina, que bombeaba no corazón de Vigo as novas de alén do mar, ao compás do fuso horario do meridiano de Greenwich. Un reloxo instalado na fachada das súas oficinas daba a hora oficial da cidade. A xente paraba alí diante e axustaba as agullas que marcaban os tempos da súa vida ao ditado de Londres, como Phileas Fogg momentos antes de iniciar a volta ao mundo en oitenta días. O Cable Inglés -o nome co que axiña se coñeceu a Eastern Telegraph Company, que se instalou na cidade en 1873- logrou conectar o porto olívico co enclave de Porthcurno, o corno sur das illas británicas, e coas costas de Portugal, mercé ao fío telegráfico tendido cara a Caminha e Carcavelos, que logo continuaba en dirección ao Mediterráneo e Brasil. E foi o Cable o que lles permitiu os vigueses daquela altura daren a volta ao mundo sen se moveren do sitio, coma nun arremedo steampunk da rede de redes de hoxe.
A cidade debeu comprender axiña a importancia desa comunicación. Abonda con mirar as fotos antigas de Vigo. Aquí e alá rótulos en inglés e referencias no seu comercio a esa vocación internacional: lojas de roupa como Smart, Camisería Inglesa ou O Zapato Inglés, que infaustamente, e como o resto das boutiques da cidade, tivo que mudar o seu nome, tras o golpe militar, polo moi nacional El Zapato Español. Esa vocación internacional -que aínda hoxe pervive na cidade- estimulárona ben os empregados do Cable Inglés, mozos solteiros case todos eles, chegados a unha terra de promisión que comezaba a erguer eclécticos palacios urbanos de granito. Non era un mal lugar para ficaren. O idioma, o balompé, o tenis, o chá das cinco da tarde, a produción e consumo de cervexa ou viño do Porto... A prensa da época, finais do século XIX, aseguraba que en Vigo até as criadas falaban inglés. E aínda que a afirmación é, de seguro, esaxerada, o certo é que a presenza do Cable Inglés en varios locais e casas da bahía (rúa Real, rúa do Príncipe ou rúa Velázquez Moreno, entre outras) determinou unha apertura e un estatus estratéxico que acabou cifrándose tamén nas relacións comerciais e sociais que Vigo, as viguesas e os vigueses, estableceron co seu contexto de entón.
Ese é para min o gran legado do Cable Inglés. O de situarnos no mundo,vencellados por obra e graza dese link submarino ao latexo da contemporaneidade. Non se me ocorre un nome mellor para unha cooperativa cultural como a que agora está a nacer, aquí, en Vigo. Porque nese nome vai xa inscrita a súa vocación global, a apertura ao mundo, a curiosidade, a eficiencia inglesa, a preocupación pola memoria do que fomos e a vontade de construir, entre nós, algo que nos resitúe nesa vangarda que esta cidade á beira do mar tan ben coñece.